Mónica Fernández Bugallo, egresada da FIC, premio Ada Byron do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Ada Byron da “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” á enxeñeira en informática Mónica Fernández Bugallo, que dirixe o Programa “Mulleres na Ciencia e a Enxeñaría (WISE)” da Universidade neoiorquina de Stony Brook, destinado a aumentar a presenza das mulleres nas STEM: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.

A enxeñeira ferrolá obtivo o seu doutoramento en informática na Universidade de Coruña (UDC) en 2001. Desde 1998 a 2000 traballou no Departamento de Electrónica e Sistemas da UDC, onde desenvolveu o seu traballo de investigación sobre a cancelación da interferencia aplicada aos sistemas de comunicación multiusos. Aquí recibiu o Premio á Mellor Estudante e mellor Doutoramento. En 2002 ingresou no Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de Stony Brook. Os seus intereses de investigación están no campo do procesado de sinais estatísticos, con énfase na teoría dos métodos de Monte Carlo e a súa aplicación en diferentes disciplinas, incluíndo a biomedicina, a ecoloxía, as redes de sensores e finanzas.

Máis información | https://www.cpeig.gal/portal/node/3604