Facultad de Informática de A Coruña
Facultad de Informática de A Coruña

Presentación

Vostede está aquí

Benvidos á Facultade de Informática da Universidade da Coruña, a FIC.

A nosa facultade empezou a súa andaina no ano 1986, entón dependente da USC. A creación, pola Lei 11/1989 do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, da Universidade da Coruña, amparou a súa integración nesta nova Universidade. Pouco despois, en 1993, acadamos a nosa ubicación actual nun edificio do Campus de Elviña, ás portas da Coruña. Neste enlace da Galipedia podedes consultar a historia da nosa Facultade.

Na actualidade pódese cursar na FIC

  • Grao en Enxeñaría Informática (somos o único centro de Galicia no que se poden estudar as 5 especialidades recollidas nas recomendacións do Consello de Universidades para a titulación)
  • e cinco mestrados:
    • o Mestrado Universitario en Enxeñaría Informática, que conta coa colaboración directa de profesionais de empresas punteiras do sector TIC en Galicia e permite a colexiación no Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática,
    • o Mestrado Universitario en Bioinformática e Ciencias da Saúde, que ten como obxectivo a formación de investigadores e profesionais no ámbito da Bioinformática e a Bioenxeñaría con especial énfase na súa vertente biomédica, 
    • o Mestrado Universitario en Xeoinformática (interuniversitario coa Universidade de Vigo),
    • o Mestrado Universitario en Matemática Industrial (interuniversitario entre as tres universidades galegas, Universidad Carlos III e Universidad Politécnica de Madrid) e
    • o Mestrado Universitario en Técnicas Estatísticas (interuniversitarios entre as tres universidades galegas). 

O noso compromiso coa calidade é indubidable, repousando, en boa parte, na investigación desenvolvida polos grupos constituídos no centro e nunha forte relación coas empresas da nosa contorna e con centros tecnolóxicos como o CITIC. Esta relación favorece a realización de prácticas en empresas (curriculares e extracurriculares) e permite a organización continuada de charlas de contrastados profesionais informáticos, moitos deles egresados do noso centro. Tamén desembocou recentemente na convocatoria do "Premio ao mellor Traballo Fin de Grao aplicado", que conta co apoio de 5 grandes grupos empresariais da nosa contorna. 

Así mesmo, preocupámonos de potenciar programas de mobilidade, que se viron moi favorecidos coa introdución dunha liña de docencia en inglés no curso 2015/16. Estes programas de mobilidade inclúen tanto accións no marco xeral da convocatoria europea Erasmus como accións bilaterais, como a que mantemos coa University of South Wales, que posibilita aos alumnos que a elixen completar o seu ciclo cunha dobre titulación, española e galesa.  

Queremos tamén destacar a nosa preocupación pola divulgación da informática entre os máis pequenos, tentando fomentar o pensamento computacional en capas o máis amplas posibles das novas xeracións, non só naqueles que exercerán como profesionais da informática. Nesa liña colaboramos en eventos como a Semana da Programación, a Hora do Código ou a First Lego League.

O resultado é un centro moderno, dinámico, aberto, con afán de superación. Convidámoslles a coñecernos, e, ante todo, reciban un cordial saúdo, en nome de todos os Estudantes, Profesores e Persoal de Administración e Servizos da FIC.

Luis Hervella Nieto

 

Facultade de Informática da Coruña

Campus de Elviña s/n C.P. 15071 A Coruña
981 16 70 00
981 16 71 60

Universidade da Coruña

Facultade de Informática A Coruña