Docentes en programas de excelencia

Pre e postdoutoral

Ao comezo do curso académico 2021-2022, na facultade contabamos con 27 docentes gozando de contratos a Programas de Excelencia, tanto a nivel nacional como autonómico. Ademais, os programas de excelencia representados propóñense en diferentes fases da formación investigadora polo que cobren as etapas iniciais pre- e postdoutorais.

Hoxe presentámosvos a 11 dos nosos docentes en programas de excelencia.

Daniel García González goza un contrato predoctoral da Xunta desde 2020. Titulado en Máster en Bioinformática para as Ciencias da Saúde na UDC, o seu traballo de investigación céntrase no recoñecemento de actividades humanas, e os seus principais intereses de investigación están no campo da intelixencia artificial, especialmente na aplicación de técnicas de machine learning e deep learning a problemas do mundo real. Forma parte do Grupo de investigación Laboratorio de Bases de Datos.

Tirso Varela Rodeiro gozou dun contrato de Formación de Persoal Investigador (FPI), é doutor en Computación e está titulado en Máster de Geoinformática pola UDC. A súa investigación fusiona elementos propios da geoinformática con novas estruturas de datos compactas centrándose na representación eficiente de traxectorias de obxectos móbiles (coches, persoas, animais...). Actualmente ocupa praza de Profesor Interino de Substitución na Facultade. Forma parte do Grupo de investigación Laboratorio de Bases de Datos.

Ana López Cheda é investigadora distinguida Beatriz Galindo na UDC, é doutora en Estatística e Investigación Operativa, estivo ademais financiada cun contrato de Formación de Profesorado Universitario (FPU). O seu ámbito de investigación dentro da estatística céntrase, principalmente, en análise de supervivencia, datos censurados, modelos de curación e aplicación a bases de datos médicas. Forma parte do Grupo de investigación Modelización, Optimización e Inferencia Estatística.

Álvaro Leitao Rodríguez é investigador Juan de la Cierva-Formación. Titulado en Máster en Enxeñería Matemática na Universidade de Vigo, é doutor en matemática aplicada pola Universidade Técnica de Delft onde ademais estivo financiado cunha bolsa Marie Curie. Completou a súa formación postdoutoral na Universidade de Barcelona e no Barcelona Graduate School of Mathematics. Forma parte do Grupo de investigación Modelos e métodos numéricos en enxeñería e ciencias aplicadas.

Beatriz Piñeiro Lamas goza dun contrato predoctoral da Xunta desde 2020. Graduada en Matemáticas, Máster en Técnicas Estatísticas e Máster en Investigación Biomédica pola USC. Actualmente matriculada no programa de doutoramento de Estatística e Investigación Operativa da UDC, a súa investigación enmárcase dentro da análise de supervivencia; en concreto, nos modelos de curación. Forma parte do Grupo de investigación Modelización, Optimización e Inferencia Estatística

Marcos Horro goza un contrato de Formación de Profesorado Universitario (FPU). Titulado en Máster en Enxeñería Informática pola UDC, atópase na fase final do Programa de Doutoramento en Investigación en Tecnoloxías da Información. As súas liñas principais de investigación inclúen a arquitectura de computadores e a avaliación de rendemento en computación de altas prestacións, así como o desenvolvemento de técnicas de optimización vectorial en compiladores. Forma parte do Grupo de investigación Grupo de Arquitectura de Computadores (GAC).

Francisco Laport López gozou dunha bolsa predoctoral da Xunta. É doutor en Enxeñería Informática, graduado en Enxeñería Multimedia pola Universidade de Alacante, e Máster en Intelixencia Artificial pola Universidade Politécnica de Madrid. Os seus principais intereses de investigación céntranse no estudo e desenvolvemento de interfaces home-máquina e, en especial, de interfaces cerebro-ordenador (BCI) a través da análise de sinais de electroencefalografía (EEG). Forma parte do grupo de investigación en Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións (GTEC)

Alejandro Romero goza un contrato de Formación de Profesorado Universitario (FPU). Graduado en Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática e Master en Enxeñería Industrial pola UDC. As súas actividades de investigación actuais están relacionadas cos mecanismos cognitivos e a robótica autónoma e evolutiva. Comezou o curso realizando unha estancia na Universidade de Innsbruck. Forma parte do Grupo Integrado de Enxeñería (GII).

Sara Álvarez González goza un contrato predoctoral da Xunta desde 2018. Graduada en Psicoloxía e Máster de Neurociencias pola USC, é tamén Máster en Bioinformática e Bioestadística pola Universidade de Barcelona e a UOC. Actualmente atópase desenvolvendo novos algoritmos neurogliales mediante a modelización computacional baseados en estudos neurocientíficos sobre a transmisión sináptica con técnicas de Deep Learning. Forma parte do grupo Redes de Neuronas Artificiais e Sistemas Adaptativos – Imaxe Medica e Diagnóstico Radiolóxico (RNASA- IMEDIR).

Paula Romero Campo goza un contrato predoctoral da Xunta desde 2019. Graduada en Bioloxía e Máster en Bioinformática Aplicada ás Ciencias da Saúde pola UDC. Actualmente traballa na súa tese doutoral, desenvolvendo un algoritmo baseado en intelixencia artificial que optimice a interpretación clínico-xenética para o diagnóstico de enfermidades neurolóxicas raras, como as ataxias. Forma parte do Grupo Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA).

José A. Iglesias-Guitián é investigador Ramón e Cajal desde 2019 na facultade e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC). O seu campo de especialización é a computación gráfica aplicada á visualización científica e os algoritmos de rendering, así como as súas aplicacións na realidade virtual ou a simulación. Para máis información consultar www.j4lley.com