Investigadores da FIC premiados nos Premios Nacionais de Informática 2018

O Profesor Ramón Doallo Biempica, Catedrático da Facultade de Informática, pertencente ao Grupo de Arquitectura de Computadores (http://gac.udc.es) do Departamento de Enxeñería de Computadores, foi galardoado co Premio Nacional de Informática 2018 (modalidade Aritmel).

Os Premios Nacionais de Informática, que se conceden desde 2005 con periodicidade anual, están convocados pola Sociedade Científica Informática de España e a Fundación BBVA, e constitúen os premios máis prestixiosos a nivel estatal no ámbito da Enxeñería Informática. En concreto, estes premios están dirixidos a "recoñecer o labor de investigadores, entidades públicas e privadas na área da Informática que dedicaron a súa carreira profesional e o seu esforzo ao estudo, fortalecemento e divulgación desta disciplina". A modalidade Aritmel na que foi galardoado o Profesor Doallo está dirixida a aqueles investigadores, menores de 55 anos, que realizasen sobresalientes achegas científicas na área da Enxeñería Informática. No seu fallo, o Xurado destacou ao Profesor Doallo "polas súas sobresalientes achegas á arquitectura e tecnoloxía de computadores ao longo da súa traxectoria investigadora, así como pola súa intensa actividade de transferencia dos resultados ao sector empresarial e o seu recoñecido liderado científico".

Nos Premios Nacionais de Informática deste 2018 tamén foi galardoado como Xoven Investigador David Vilares Calvo, investigador no grupo LYS da nosa facultade, polas súas destacadas contribucións á investigación en técnicas e algoritmos para o procesamento da linguaxe natural, con especial énfase na súa aplicación á análise de sentimentos en redes sociais.

- Máis información sobre os premios en: https://www.fbbva.es/premios/premios-investigacion-sociedad-cientifica-informatica-espana-fundacion-bbva-2018/

- Máis información sobre o fallo do Xurado en: https://www.fbbva.es/noticias/fallados-los-premios-investigacion-sociedad-cientifica-informatica-espana-scie-fundacion-bbva-2018/