GNOME 51 leva o nome da Coruña en recoñecemento a GUADEC 2026

A comunidade GNOME acaba de presentar GNOME 51, a nova versión dun das contornas de escritorio de software libre máis utilizados en sistemas GNU/Linux. Esta versión ten un nome moi especial para a nosa facultade e para a nosa cidade: «A Coruña».

O proxecto GNOME elixiu este nome en recoñecemento á celebración de GUADEC 2026, o principal encontro anual da comunidade GNOME, que tivo lugar na Coruña o pasado mes de xullo. No anuncio oficial de GNOME 51, o proxecto destaca expresamente que a versión recibe o nome da cidade «en recoñecemento a GUADEC 2026» e agradece ás persoas organizadoras locais que fixeron posible o encontro.

GUADEC regresou así á Facultade de Informática da Universidade da Coruña, onde xa se celebrara en 2012. Catorce anos despois, a comunidade internacional de GNOME volveu reunirse na nosa facultade, convertendo durante uns días A Coruña nun punto de encontro para desenvolvedores, colaboradores e usuarios vinculados ao software libre.

Agora, aquela celebración deixa tamén unha pegada no propio proxecto GNOME. GNOME 51 «A Coruña» levará o nome da nosa cidade nas instalacións de millóns de usuarios de todo o mundo e quedará asociado á edición de GUADEC celebrada en 2026.

Para a Facultade de Informática, este recoñecemento supón unha nova mostra da conexión da FIC coas comunidades internacionais de software libre e da capacidade da nosa facultade para acoller eventos tecnolóxicos de relevancia internacional.

Desde a FIC queremos celebrar que A Coruña forme parte agora da historia de GNOME e agradecer a todas as persoas que fixeron posible a celebración de GUADEC 2026.

GNOME 51 «A Coruña» xa está dispoñible.

Consultar o anuncio oficial de GNOME 51