Percorrido a través da eficiencia en visión artificial

O vindeiro 23 de outubro ás 12:00 horas, a Sala Cloud do CITIC acollerá a charla “Percorrido a través da eficiencia en visión artificial”, impartida por Iago Suárez Canosa, enxeñeiro informático pola Universidade da Coruña, Máster e Doutor en Intelixencia Artificial pola Universidade Politécnica de Madrid.

Ao longo da súa traxectoria profesional, Iago Suárez combinou a investigación e o desenvolvemento en ámbitos como a visión artificial, a xeometría 3D, a realidade estendida e a intelixencia artificial aplicada. Foi cofundador de XOIA Soft Dev. e desempeñou postos de responsabilidade en compañías tecnolóxicas de referencia como Qualcomm, onde participou no desenvolvemento de sistemas SLAM e Structure from Motion (SfM) para plataformas de realidade aumentada e virtual. Actualmente, a súa investigación céntrase na detección de deepfakes e na relación entre a xeración e a detección de imaxes mediante intelixencia artificial.

Na sesión abordaranse os retos de compatibilizar precisión e eficiencia nos sistemas de visión artificial. A charla ofrecerá unha visión da evolución da intelixencia artificial e da visión por computador, desde os algoritmos executados en CPU ata os actuais métodos altamente paralelos baseados en GPU e NPU.

Ademais, presentaranse técnicas fundamentais para mellorar o rendemento e a eficiencia dos modelos de aprendizaxe profunda, incluíndo pruning, quantization, mixed precision e mecanismos de atención eficientes. Tamén se compartirán principios de deseño e boas prácticas para desenvolver sistemas eficientes, desde a selección da arquitectura ata o despregamento final.

A charla baséase tanto nas publicacións científicas do relator en foros de referencia internacional como na súa experiencia práctica aplicando estes principios en empresas líderes de distintos sectores.

Data: 23 de outubro

Hora: 12:00 h

Lugar: Sala Cloud, CITIC, Campus de Elviña, s/n, Universidade da Coruña