Xornada de benvida do curso 2023/2024

XORNADA DE BENVIDA – FACULTADE DE INFORMÁTICA

Curso 2023/2024

O próximo luns 11 de setembro realizarase unha xornada de benvida para o alumnado que ingresa por primeira vez en titulacións de grao na Facultade de Informática. Así, o luns 11 non haberá clase das materias de primeiro curso, pois temos reservado o día para outras actividades.

Unha das principais actividades da xornada de benvida é o lanzamento do programa de mentoring, que consiste en que alumnado que xa leva un tempo na Facultade acompañe ao alumnado de novo ingreso na súa aterraxe no centro, mantendo reunións periódicas para resolver as dúbidas que poidan ter. Aínda que haberá reunións cos mentores durante todo o curso, o luns 11 celebrarase a primeira delas, polo que o novo alumnado coñecerá aos seus mentores.

A xornada de benvida celebrarase no Salón de Actos da Facultade (planta 0), co seguinte horario de actividades:

  • 10:00 a 10:30 – Benvida do Decano da Facultade de Informática.
  • 10:30  a 12:30 – Seminario “Técnicas de estudo e xestión do tempo”, no que se tratarán recomendacións sobre como abordar un primeiro curso universitario en titulacións no ámbito das Enxeñarías.
  • 12:30 – Lanzamento do programa de mentoring: explicaranse brevemente os obxectivos do programa de mentoring da Facultade, e o alumnado de cada grupo de prácticas trasladarase a distintas aulas cos mentores de dito grupo para manter a primeira xuntanza do programa.

Grupos de prácticas e xuntanzas do programa de mentoring

No voso primeiro ano na Facultade, estaredes asignados a un grupo de teoría e un grupo de prácticas, que marcarán o voso horario lectivo. Cada grupo de prácticas ten asignados dous mentores ou mentoras. Podedes consultar o voso horario lectivo e o voso grupo de prácticas na plataforma http://espazos.udc.es:

  • Se estudas o Grao en Enxeñaría Informática (GEI) e ao consultar o teu horario estás no grupo 1.AXO.2.1, é que o teu grupo de prácticas é o GEI.2.1.
  • Se estudas o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos (GCED) e ao consultar o teu horario estás no grupo 1.MD.11, é que o teu grupo de prácticas é o GCED.1.1.
  • Se estudas o Grao en Intelixencia Artificial (GIA) e ao consultar o teu horario estás no grupo 1.MD.11, é que o teu grupo de prácticas é o GIA.1.1.

Datos de contacto

Se tedes algunha dúbida en relación á xornada de benvida, podedes poñervos en contacto con Óscar Pedreira a través do correo vicedecanato.organizacion.academica.fic@udc.es.