Facultade de Informática de A Coruña

Saltar seleccción de idioma
Idioma actual:
Saltar o menú
Menú:

Saúdo do decano

Benvidos a Facultade de Informática da Universidade da Coruña, a FIC.

Estamos, desde 1993, nun edificio do Campus de Elviña, ás portas da Coruña. Na FIC impártese actualmente o Grao en Enxeñaría Informática, sendo o único centro de Galicia no que poden estudarse as 5 especialidades recollidas nas recomendacións do Consello de Universidades para a titulación: enxeñaría do software, enxeñaría de computadores, computación, sistemas de información e tecnoloxías da información. Ademais impártese o Mestrado Universitario en Enxeñaría Informática, xunto con outros mestrados específicos de distintas especialidades relacionadas coa titulación.

Hai catro departamentos adscritos á Facultade, que configuran a base do noso potencial docente e investigador: Computación, Electrónica e Sistemas, Matemáticas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. A estes debemos engadir a achega dos departamentos que complementan a docencia que se imparte na FIC: Dereito Público Especial, Economía Financeira e Contabilidade e Filoloxía Inglesa.

A nosa oferta educativa conseguiu manter todo o interese de quen se incorpora á universidade. Máis de 240 alumnos inician anualmente o primeiro curso de Grao en Enxeñaría Informática. O noso compromiso coa calidade é indubidable, repousando, en boa parte, na investigación desenvolvida polos grupos constituídos no centro e nunha forte relación coas empresas da nosa contorna e con centros tecnolóxicos como o CITIC. Todo isto, xunto a unha longa tradición, fai que sexamos o primeiro referente en Galicia para os estudos en Informática.

Os nosos titulados, que desde a primeira promoción en 1989 xa constitúen un colectivo de máis de 2000 profesionais, gozan dun gran prestixio, no só en Galicia senón tamén noutras comunidades. Favorecendo a realización de prácticas en empresas e a participación en programas de mobilidade e seguindo a traxectoria dos nosos egresados, puidemos contrastar o alto nivel de preparación co que conclúen os seus estudos.

O resultado é un centro moderno, dinámico, aberto, con afán de superación. Convidámoslles a coñecernos, e, ante todo, reciban un cordial saúdo, en nome de todos os Estudantes, Profesores e Persoal de Administración e Servizos da FIC.

Luis Hervella Nieto